Monday 29 de April de 2024

O Concello de Oroso e a Mancomunidade de Ordes impartiron un curso de informática básica para mulleres inmigrantes


 

O curso superou todas as expectativas xa que, ademais, de favorecer a integración das participantes, animou ás alumnas a seguir coa súa aprendizaxe a través de EducaOroso

 

O concelleiro de Ensino do Concello de Oroso, Antonio Leira, presidiu a entrega de diplomas ás participantes no programa “Hola Fabiola”, un curso de informática básica para mulleres inmigrantes celebrado na aula CeMIT de Oroso no que participaron sete alumnas de distintas nacionalidades residentes no municipio. “Espero que vos serva de primeiro paso para aproveitar todos os cursos e actividades formativas para adultos que organizamos dende o Concello de Oroso”, desexou Leira Piñeiro.

 

Un punto no que incidiu tamén Miguel Anxo Gómez, profesor de EducaOroso e docente deste curso formativo, quen lles lembrou ás participantes que “sabedes que tendes á vosa disposición moitos máis cursos e agora xa sabedes tamén como acceder a toda esa información”. De feito, varias das alumnas xa se inscribiron noutros cursos formativos como o preparatorio para sacarse o Graduado en ESO, de lingua española ou de busca de emprego a través de Internet.

 

Colaboración e amizade

 

“Ademais do que aprenderon aquí, temos que destacar que aquí se formou un grupo no que se axudaban unhas as outras, colaborando incluso fora das horas de clase o que derivou nunha amizade que é moi positiva”, destacou Nazaret González, directora do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Municipios de Ordes. González díxolles ás alumnas que lles agradecía “o interese amosado por este curso e que decidirades seguir coa vosa aprendizaxe. Pola nosa parte buscaremos a maneira de seguir colaborando convosco”.

 

Pola súa banda, todas as alumnas coincidiron en amosar o seu agradecemento pola atención prestada, “por ensinarnos cousas que non sabiamos e por propiciar esta amizade entre nós”, apuntou Edina, unha das participantes no programa. Ademais, todas elas levaron o seu diploma acreditativo do aproveitamento real deste programa. “Queriamos que aprenderan a manexarse cun ordenador para que coñecesen novas canles para a comunicación coa súa contorna, pero foron moito máis aló, xa que mesmo chegaron a crear blogs sobre as súas localidades de orixe, o que fixo que todos aprenderamos moito da súa cultura”, explica Nazaret González. De feito, o grupo era bastante heteroxéneo en canto a nacionalidades (Portugal, Romanía, Brasil e Arabia).

 

Antonio Leira explicoulles que “o ordenador é un aliado para a nosa aprendizaxe” e recordoulles que “Oroso é un concello no que o 60% da poboación viñemos de fóra, non nacemos en Oroso. Por iso é bonito comprobar que se crearan estes lazos de amizade entre todas vós xa que Oroso medra grazas a persoas coma vós”.

 

Hola Fabiola

 

O programa “Hola Fabiola” é un curso de informática básica para mulleres inmigrantes adaptado ás necesidades de cada participante. A iniciativa está organizada polo Concello de Oroso e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, xunto coa Fundación Orange e a Fundación Directa. Ademais, conta coa financiamento do Ministerio de Sanidade, Servicios Sociales e Igualdad, no marco dos programas de cooperación e voluntariado.

 

O programa tivo unha duración de 50 horas lectivas, impartidas na Aula CeMIT de Oroso nas mañás dos luns, mércores e venres entre o 15 de setembro e hoxe 24 de outubro, no que tivo lugar a derradeira sesión formativa. O curso estruturouse en oito módulos dirixidos a aprender as funcionalidades e ferramentas básicas do ordenador e Internet para despois amosar contidos e aplicación de interese para os participantes.

 

“Hola Fabiola” permitiu que estas alumnas de Oroso non só adquirisen coñecementos informáticos, senón que lles serviu para descubrir novas vías de integración en materia de emprego, vivenda, tramitacións legais…. Ademais de aprender un pouco máis sobre a cultura española, as participantes tamén tomaron conciencia sobre os seus dereitos en materia de igualdade e, o que aínda é máis importante, aprenderon como exercelos. De feito, o gran éxito da iniciativa é que axudou a conformar unha amizade entre todas as alumnas que permitiu que todas elas vaian continuar coa súa formación, participando nas distintas actividades formativas que organiza o Concello de Oroso a través da súa aula EducaOroso.